10.22.2022

RECOMENDAMOS... MÚSICA!!!

O panorama musical do pop en galego está revolucionado por todas as novas voces que están entrando con forza. Xente nova, xente con forzaaaaa!!!!

Para esta semana recomendamos escoitar unha playlist que nos ten namoradas e namorados, todas da factoría de Berto, que é produtor de todas elas. Escoitade, escoitade... e xa nos contaredes!

prodXBerto

10.03.2022

NEO COÑECE PALEO

Este curso temos moitos compañeiros e moitas compañeiras neofalantes (que están aínda aprendendo o galego) e outros e outras que practicamente acaban de aterrar na nosa vila desde as súas respectivas cidades e vilas de orixe. 

Sabemos que aquí hai xente acolledora que pode facer unha función determinante para o bo desenvolvemento e a consecución dun obxectivo de integración, así que buscamos paleofalantes para que sirvan de guía.

Que é un paleofalante? Calquera persoa que domina a lingua porque é a súa lingua materna, así que vos temos a moitos e a moitas para poder repartir o tempo de ocio.

Que tería que facer? Se es neofalante, anotarte como candidato a ter compañía galegofalante que te axudará a que te soltes e vaias avanzando. Se es paleofalante, ofrecer o teu tempo (ti disnos cando estarías disposto ou disposta a acompañar -recreos, efemérides, nalgún club en que esteas anotado...) e nós xa cruzamos datos para facilitar a xuntanza.

Algún día trataremos de facer algunha xuntanza festiva de paleos e neos colaboradores, cunha merendiña de recreo! Animádevos, porque xuntos e xuntas facemos comunidade!




9.19.2022

VEN FORMAR PARTE DO EQUIPO DE DINAMIZACIÓN DO IES!

Este curso temos moita gana de facer cousiñas e xa que os protocolos van relaxando, por fin podemos volver ter opción de facer o que nos gusta, vivir e facelo en galego.

Porque aquí  a lingua da maioría da xente nova é o galego, pero como dixo Manolo Maseda, podemos ser axentes irradiadores, sementemos a lingua alá onde vaiamos e fagamos o que fagamos.

Polo tanto, este curso trataremos de saír das portas do IES e achegarnos a outras paraxes que precisen da nosa animosidade e queremos contar tamén coa comunidade: familias, asociacións, rapaces e rapazas da Primaira... como di o Xabarín, somos máis de mil, e temos que ser cen mil!!!

Anótate!!!!



3.08.2022

MARZO, MES DA MULLER

Polo 8 de marzo, Día da Muller Traballadora, no IES Urbano Lugrís quixemos facer a nosa particular homenaxe ás mulleres que inspiran as nosas vidas.

O alumnado elaborou carteis das mulleres que loitaron por conseguir os mesmos dereitos que os homes, respeto e igualdade, ben coas súas reivindicacións o cos seus actos do día a día. Tamén mulleres científicas, escritoras, matemáticas... que foron esquecidas, silenciadas e menosprezadas pola sociedade patriarcal. É hora de lles recoñecer o seu labor e que sirvan de inspiración ás novas xeracións.

Mais a rapazada tamén lle quixo dedicar atención ás mulleres da súa familia, nais, avoas, irmás... que de un modo ou outro serven de exemplo e apoio para o noso alumnado.

Sigamos educando en igualdade para conseguir unha sociedade XUSTA E IGUALITARIA.


2.23.2022

23 de febreiro DÍA DE ROSALÍA

Hoxe, 23 de febreiro, celebramos o día dunha das autoras galegas máis especiais, Rosalía de Castro.

O Departamento de Lingua Galega leva unhas semanas realizando diferentes actividades e propostas de achegamento á obra rosaliana e, coma cada ano, trataremos de que a figura de Rosalía sexa coñecida nas múltiples perspectivas que ten.





2.08.2022

ENTROIDO 2022

Este ano 2022  Entroido no Urbano Lugrís!

Esta é unha celebración ben tradicional na Galiza, a cal sempre vai acompañada dunha boa degustación gastronómica, como debe ser: orellas, filloas, cocido con cachucha...


Mais o que tamén agardamos cada ano é o momento de poder disfrazarnos, facer unha parodia da vida cotiá, ou simplemente tomarnos un descanso e relaxar o noso código de vestimenta.

Por este motivo, e a pesares das restricións covid, que nos impide facer un auténtico concurso de comparsas, o EDLG propón celebrar o entroido cun concurso de disfraces, grupal ou individual, para celebrar o 25 de febreiro como é debido.

Asemade, esa semana, a do 22 ao 25 de febreiro teremos que cumprir os mandadiños do Lugrís. Unha serie de mandados que nos dirán que debemos traer posto dende o martes ata o xoves.


Animádevos a participar no concurso, a vir disfrazados o venres 25 e a cumprir os mandadiños do Lugrís!!

Fagamos do entroido algo especial no Urbano Lugrís de Malpica!

1.28.2022

VOTA POLO CARBALLO DO CONXO PARA A MELLOR ÁRBORE EUROPEA

A mellor árbore de España resultou ser o enorme carballo de máis de 250 anos de idade do Bosque do Conxo, en Santiago de Compostela. Grazas á participación no concurso, esta árbore agora é a candidata española para escoller a árbore europea do ano 2022.

Dende o EDLG vos animamos unha vez máis a participar para que, agora, sexa o carballo do Conxo a mellor árbore de Europa. 

Entre o 1 e o 28 de febreiro vai ter lugar unha votación para elixir a árbore europea do ano, unha acción que impulsa o organismo Bosque Sin Fronteras co apoio do Goberno de España.

Na seguinte ligazón poderás votar a partires do 1 de febreiro á nosa árbore!!

 AQUÍ VOTA