4.24.2020

#leonacasa

O 23 de abril conmemórase o día do libro e este ano, tal e como nos atopou, non puidemos festexalo no centro. Con todo, o profesorado quere aproveitar para mandarvos unha mensaxe positiva, que esperamos que o próximo ano poidamos reforzar con todos vós. Botámosvos moito en falta nas nosas vidas e esperamos que pronto poidamos encher a biblioteca, os corredores e as aulas.
Mentres, moito ánimo, coidádevos moitísimo e... lede moito, abride moitas xanelas ao mundo, porque o mundo é voso!
Feliz día do libro. Este ano #lemosnacasa


4.20.2020

Homenaxe a Aute

Desde o Equipo de Dinamización da Lingua Galega do noso instituto queremos facer unha pequena pero sentida homenaxe ao cantautor Luis Eduardo Aute, que marcou moitas xeracións e que nos acaba de deixar neste período de corentena (4 de abril), sit tibi terra levis.
Este polifacético autor (músico, poeta, pintor e director de cine) foi coñecido sobre todo como cantautor. Con cancións como “Al alba”, que dedicou aos derradeiros executados do Franquismo. “De alguna manera” sempre estarás connosco e “La belleza” da túa obra non nos abandonará e ti sempre (“Pasaba por aquí”) pasabas polas nosas vidas ás “Las cuatro y diez” e a calquera hora. Porque “¿Quien eres tú? que nos acompañaches en moito momentos. Eses “Dos o tres segundos de ternura” farán que non poidamos vivir “Sin tu latido” e que sempre prefiramos amar (“Prefiero amar”) e non teñamos que decidirnos entre “Una de dos”. Porque “Anda”, lentamente “Slowly” e abrazando (“Abrázame”). “Cada vez que me amas” buscamos “Rosas en el mar”; aínda que sabemos que queremos “Volver a verte” porque sempre seremos “Polvo enamorado”.
Pero a mellor das nosas homenaxes e sempre revisitar a súa obra.
Aquí tedes algúns vídeos das súas cancións:
https://www.youtube.com/watch?v=4w7mrt0Wjqo&list=RD4w7mrt0Wjqo&start_radio=1
https://www.youtube.com/watch?v=uxYdyXGHZxs
https://www.youtube.com/watch?v=CvMRjkKqQOU

PALABRA E REFRÁN DO MES DE ABRIL



4.14.2020

ENCHER AS NOSAS VIDAS CON MOITA MÚSICA

Alumnos e alumnas... botámosvos de menos! Nin imaxinades canto! Mais temos que nos adaptar aos novos tempos e ao que nos toca.
Sabemos que un ordenador non é unha escola nin un instituto, pero fagamos da necesidade virtude e intentade aproveitar o que poidades, sabemos que sodes xente resiliente e que sairedes máis fortes da casa do que entrastes hai xa un mes.
Mandámosvos moitos azos e non deixedes de contactarnos para o que precisedes, ao outro lado das pantallas seguimos estando para vós.
Hoxe queremos deixarvos un recurso que talvez vos guste, é unha guía de música moi xeitosiña que fixeron dúas mozas pensando en espallar a nosa música e a nosa cultura desde o seu fogar.
Moita xente pequena, en lugares pequenos, facendo cousas pequenas, pode chegar a cambiar o mundo.
Elas son Elia Lago e Paula Lago, que, á parte de coñecemento do panorama musical tradicional e actual, tamén teñen bo gusto para editar.
Botádelle un ollo e enchede as vosas horas de música, hai para todos os gustos. Gozade dela!

GUÍA DE MÚSICA EN GALEGO