6.19.2023

O Prestige 20 anos despois, documental

 Aquí vos deixamos o documental, que esperamos realmente que vos guste tanto coma a nós. A presentación correu moi ben, as nosas presentadoras e os moderadores fixeron moi bo traballo e o público ateigou a sala en que o presentamos. Ademais, cremos que as persoas que protagonizaron este documental quedaron satisfeitas co resultado.

Desde logo, púxose moito cariño e tratouse de que todas as opinións quedaran ben reflectidas. Agora, só falta espallar e tomar conciencia para que non volva suceder unha desgraza dese calado.

Feliz fin de curso a todos e a todas!

5.30.2023

PRESENTAMOS O DOCUMENTAL... NON FALTEDES!

Xa temos os carteis e as invitacións... agora só falta o público para que poida gozar dos testemuños que fomos xuntando e desta peza que elaboramos con todo o ánimo posible... para que non volva acontecer un desastre coma o que nos tocou vivir.



5.29.2023

PRESTIGE EN MALPICA... 20 ANOS DESPOIS

O EDLG andou a traballar nun documental moi especial, que nos levou moito esforzo e que pensamos que quedou... marabilloso... porque nos tocou a febra a todos e a todas.

O Prestige tivo un grande impacto na localidade de Malpica e moitos dos rapaces e rapazas que hoxe xa son homes e mulleres cos que nos cruzamos a diario e que daquela eran nenos e nenas na escola, voluntarios e voluntarias, fillos e fillas de mariñeiros... tiñan que volver a vista atrás e contarnos o que lembraban.

Das nosas pescudas conseguimos un mestre xubilado, un armador, unha muller valente que chegou á illa para limpar e que hoxe é atadora, un rapaz que foi voceiro e símbolo de Nunca Máis e que abriu telexornais reivindicando que non eramos pescadores de cana, que eramos xente de mar, uns profesores que levaron ás aulas a realidade diaria que o tinguía todo e que loitaron por participar na cadea humana a pesar de todas as trabas institucionais que existiron, o material e os recortes de prensa que nenos e nenas ían creando á vez que o chapapote lles engulía o seu contorno...

E xa pasado tanto tempo, de novo recordaron o que aconteceu, analizaron as consecuencias, deron a súa opinión ante as nosas cámaras... para que as novas xeracións non esquezan o que pasou, para que traballen para que nunca máis suceda un desastre dese calibre.

Axiña teremos a oportunidade de presentalo, de presentárvolo e oxalá teña a acollida que merece.

Foto obtida e reproducida do sitio web lamilanabonita


MISIVAS CON MOITO AMOR

Desde o IES nº 1 da Estrada xa nos chegaron as cartas de volta e aquí recibímolas con moita emoción. Queda nelas o compromiso de continuarmos a estreitar as nosas relacións de amizade e compañeirismo e tamén de vérmonos.

O escaso orzamento non sempre permite que saia todo, pero os profes e as profes xa andamos na procura de financiamento e posibilidades para levar a cabo un encontro ao comezo do curso que vén.

Dar a coñecer o noso concello, a nosa cultura a rapaces e rapazas que tamén traballarán arreo para facer o mesmo merece a pena moito máis alá do intercambio lingüístico.

Nesta altura xa hai amizades sementadas e a forza do amor non pode ser inútil.

Os lotiños, que ilusión fan!



 











Tempo para todo!


DÍA DAS LETRAS GALEGAS

O día das Letras festexámolo como máis nos gusta, enchendo as nosas vidas e as nosas interaccións cotiás de lingua galega mais, a efeméride tamén a tivemos presente e achegamos o noso alumnado á figura homenaxeada neste ano.

Á parte do material que aproveitamos da RAG e mais dos kahoot que mediron o coñecemento sobre a obra e a biografía de Del Riego, nós tamén puxemos o noso gran e, desta volta, á parte dos marcapáxinas que xa son unha tradición no centro, houbo uns chaveiros moi chulos que se fixeron coa impresora 3D, que non sexa que non se achegan as tecnoloxías e as letras.

Á parte diso, o alumnado de PMAR deixou a entrada do insti moi ben decorada co traballazo que fixeron nalgunhas das súas horas.  

E coma sempre, desexamos mil primaveras máis para a nosa lingua e, mentres viva na lingua dos falantes, garantiremos a súa supervivencia.




4.24.2023

O TROCALIBROS

O trocalibros resultou un éxito e todos e todas atoparon algún libro que lles encheu o ollo, á parte das novelas obrigatorias, que sempre son un punto para a economía circular e para a reciclaxe.

A verdade é que contribuíron profesores, profesoras (unha colección enteira de novela negra e de misterio desas de levar para a praia e gozar dela!!!), alumnado e familias que nos trouxeron novelas actuais que lles gustan e que poden atopar despois nas series, clásicos que nunca morren e unha longa ristra de lecturas recomendadas en diferentes materias.

A sección "ten unha aventura cunha novela a cegas" foi unha das máis exitosas e Iago, o encargado das "vendas" rematou o traballo antes de que acabase o recreo!!!!!!

Mil grazas ás persoas que forman parte do EDLG e que pasaron por alí para axudar a xestionar e ao grupo de PMAR, que fixeron de libreiros e libreiras cunha dilixencia marabillosa.

Se lle botades un ollo ao IG do noso IES (urbanolugrismalpica) poderedes ver parte do bo ambiente que tivemos nesta nosa particular feiriña do trocalibros.

novela para adultos

novela en inglés e francés


novelas actuais para adolescentes


ten unha aventura a cegas!


4.18.2023

O TROCALIBROS

O trocalibros é a feira do libro usado e de ocasión que queremos montar no IES para que circulen e pasen de man en man.

Nace para que os rapaces e rapazas intercambien as lecturas obrigatorias ou que se adoitan recomendar ao longo dos anos, pero tamén para que se cambien as novelas que nos encheron o ollo, as que levaremos nas bolsas da praia, as que queremos que lean os amigos e amigas...

Animamos a todo o alumnado a que participe, a que traia os seus libros para trocalos por puntos e que eses puntos lles traian novas lecturas que lles gusten e os entusiasmen. Ademais, tamén teremos sorpresiñas e agasallos para os trocadores máis fecundos!

Porque compartir é vivir e vivir con lecturas sempre é vivir mellor.




CONECTANDO MALPICA E A ESTRADA

Desta volta, e agora que xa temos certo contacto cos compañeiros e compañeiras da Estrada, quixemos, ademais de mandarlles as nosas cartas de resposta, que tamén coñecesen Malpica a través dos nosos ollos.

 

O xogo é sinxelo, enviamos dous planos de Malpica, dos que usamos para dala a coñecer ao resto do mundo e aos turistas, e marcamos neles algúns puntos que son de interese para os nosos rapaces e rapazas. Eles fixeron as fotos dos sitios significativos para eles e elas e artellaron unhas postais de xeito artesanal. Sobre todo, abundou a praia de Malpica, os ceos que se poden apreciar no verán cando o sol se pon... pero tamén a praia de Seaia, a aldea de Barizo, a praza de Buño, as Torradas, o barrio da Atalaia, o caldeirón, o porto...

Seguro que aos nenos e nenas estradenses lles ha gustar ver a nosa vila a través non só do IG, senón tamén das tarxetas postais feitas só para eles. Oxalá así sexa porque van con moito amor💕




3.31.2023

INTERPLAYFEST

Onte achegámonos cos alumnos e alumnas de 3ºESO ata o Interplayfest para asistir á presentación de María Yáñez e mais para á mesa que o @cafederby21 argallou para a rapazada.

Foi moi interesante, gustounos moito recordar como naceu a Internet alá a finais dos 90 e recordar as horas de cibercafé, e por suposto pasamos un bo momento coas persoas que están xerando contido en galego en diferentes plataformas e que conectan tan ben co público máis novo... gustounos moito tamén como aconsellaron a rapazada que está pensando en xerar contido. Foi moi realista, natural e honesto!

https://carballointerplay.com/





Polo correo do vento...

O alumnado de 2ºESO está cun proxectiño moi ilusionante que temos co alumnado de 2ºESO do IES Nº 1 da Estrada.

Román, o coordinador do EDLG e mais o noso equipo acordamos botar man de antigos xeitos de comunicarnos para establecer lazos entre os nosos e as nosas rapazas e os seus... e tras un trimestre temos que dicir que FUNCIONOU!

Andamos enviando e recibindo correos, manuscritos, que teñen que cociñarse a pouco lume, poñer a proba a paciencia no mundo da inmediatez e das RRSS e que nos fai un formigo na barriga.

Uns do interior, outros da costa, uns afeitos ao río, outros ao mar... e que cousas bonitas de si mesmos contan e como nos gusta ver nacer amizades...

O proxecto non quere morrer neste curso e intentaremos estendelo no tempo, a cousa é que rematen por se coñeceren en persoa, que coñezan Malpica e nós coñecer a Estrada, porque é algo transversal. Coñecer a paisaxe, o territorio, os xeitos de vida, a economía, o patrimonio natural e artístico, a lingua e as súas variedades dialectais... así que estamos trazando sermos anfitrións, ou que o sexan eles primeiro, mais provocar puntos de encontro que consideramos enriquecedores.

Polo correo do vento... tennos o corazón contento!








 

2.23.2023

DÍA DE ROSALÍA

Xuntóusenos o Día de Rosalía coa volta ás aulas despois do Entroido, e por aquí éche zona ben entroideira e non se para, mais houbo tempo para facer cousiñas cos rapaces e coas rapazas.

Por un lado, os máis pequenos crearon os seus haikus e os máis grandes xogaron un kahoot que nos proporcionou Aulas Galegas para medir os seus coñecementos da autora e da súa obra.

Tamén desde a biblioteca se promocionaron actividades co gallo desta efeméride e o noso marcapáxinas, xa unha tradición, acabou nas mans da rapazada.

Que este xantar e esta cea vos acorde facer o Caldo de gloria! Clicade aquí e teredes a receita: RECEITA DO CALDO DE GLORIA

FESTA DE ENTROIDO E PREMIOS!!!

Esta edición do festival de Entroido tivo moito nivel e practicamente todo o alumnado e profesorado se animou a participar. 

As comparsas foron fantásticas, os grupos xeniais, as parellas estaban moi traballadas e compenetradas e mesmo había algún individual ben xeitoso, inda que moitos outros non se animaron a participar no concurso.

De novo a ANPA colaborou a todos os niveis e iso é moito de agradecer. Extraescolares e profesorado contribuíu á boa marcha da mañá, que xa sabemos que non sempre é doado poder saír da rutina.

Foi difícil quedar són con algúns para o premio, pero haberá máis ocasións para aqueles que non levaron o ansiado premio. Parabéns a todos e todas!







2.13.2023

O ENTROIDO ESTÁ EN MARCHA

E antes de culminar na festa final, todos e todas teremos que ir facendo os mandadiños do Meco. Hoxe o alumnado saíu da cama e rodou ata o centro cos seus pixamiñas e roupa da casa, para mañá veremos a resposta, pero parece que o Meco mete respecto e todos e todas fan caso dos seus mandados.

Vistes que bonita nos quedou a entrada ao centro? Traballaron rapaces e rapazas de todos os grupos para achegar o Entroido tradicional á nosa localidade. E as máscaras? Impresionantes! O EDLG traballou de xeito transversal para facer algo ben xeitoso e que fose un pouquiño de todos e todas. Parabéns.








Éche persoa de moita autoridade!


2.06.2023

ENTROIDOS TRADICIONAIS - INFOGRAFÍAS

Desde o EDLG promovemos afondar nos Entroidos tradicionais de Galicia e do Norte de Portugal, xa que temos tantos lazos en comúns e aproveitando que o noso alumnado coñece ben a fondo como se festexa o Antroido tradicional pola nosa zona. 

Cremos que coñecer a nosa cultura festeira é un xeito máis de querer e preservar para o futuro as nosas tradicións.

O alumnado de 3º e 4º encargouse de facer estas infografías tan xeitosas que formarán parte da exposición da entrada do centro. Xa vos iremos poñendo o resultado. Aquí traballou todo o mundo arreo!