12.20.2019

O POEMA DO MES DE DECEMBRO

O mes de Nadal tamén é un mes bo para estar quentiñas e quentiños na casa deixándonos acariñar por fermosas palabras. Así que se nos abre un mundo de posibilidades. Os poemas que seleccionarmos para votar neste mes son os seguintes:

5 razóns polas que cortaría contigo

Se me fechas portas que non existen.
Se me envolves en papel de agasallo.
Se me tocas como un mando a distancia.
Se me negas moito máis de tres veces.
Se me dis que son o aire que respiras.

     Carlos Negro, Penúltimas tendencias (2014)

¡En pé!
¡Irmáns! En pé sereos
a limpa fronte erguida, 
envoltos na brancura
da luz que cae de riba, 
o corazón aberto 
a toda verba amiga 
e nunha man a fouce 
e noutra man a oliva,
arredor da bandeira azul e branca,
arredor da bandeira de Galicia, 
¡cantémo-lo dereito
á libre nova vida!

Validos de traidores 
a noite de Frouseira 
á patria escravizaron 
uns reises de Castela. 
Comestas polo tempo 
xa afrouxan as cadeas... 
¡Irmáns asoballados 
de xentes estranxeiras,
ergámo-la bandeira azul e branca!
E ó pé da enseña da nación galega
cantémo-lo dereito á libertá da Terra!

¡Irmáns no amor a Suevia
de lexendaria historia, ¡en pé! 
¡En pé dispostos 
a non morrer sen loita! 
¡O día do Medulio 
con sangue quente e roxa 
mercámo-lo dereito
á libre, honrada chouza!
¡Xa está ó vento a bandeira azul e branca!
¡A oliva nunha man, 
a fouce noutra, berremos alto e forte:
“A nosa terra é nosa”.

Cabanillas, Da terra asoballada (1917)

A Rosalía
Do mar pola orela
mireina pasar,
na frente unha estrela,
no bico un cantar.
E vina tan sola
na noite sin fin,
¡que inda recei pola probe da tola
eu, que non teño quen rece por min!
A musa dos pobos
que vin pasar eu,
comesta dos lobos,
comesta se veu…
Os ósos son dela
que vades gardar.
¡Ai, dos que levan 
na frente unha estrela!
¡Ai, dos que levan 
no bico un cantar!

Manuel Curros Enríquez

O poema anterior está musicado por Uxía e o de Cabanillas tédelo como proposta de canción do mes. Se queredes escoitar A Rosalía, aquí vos deixamos o vídeo:


Cal credes que debe ser o poema do mes?
Deixa neste formulario o teu voto: VOTA POLO POEMA DO MES DE DECEMBRO

A CANCIÓN DO MES DE DECEMBRO

Xa está aquí decembro e temos que votar pola canción que pensamos que representa este mes. En breve colgaremos cal resultou gañadora no mes de novembro.
Estas son as candidatas:

O apalpador, a canción e o baile


O son do ar, de Luar na Lubre



En pé!



E este é o formulario!

CANCIÓN DO MES DE DECEMBRO

E desde o equipo de Dinamización da lingua desexámosvos un feliz Nadal, un bo descanso e mil nadais máis para a nosa lingua!

12.08.2019

MÚSICA PARA NOS INSPIRARMOS

Os compañeiros e compañeiras do EDNL do Neira Vilas de Oleiros crearon unha lista de Spotify coas cancións que máis lles prestan a eles.
Nós deixámola tamén por aquí porque, como tamén andamos escollendo as cancións do mes, talvez aquí atopedes música que vos inspire para propoñer como próximas candidatas a seren cancións do mes.
En galego hai moito onde elixir, así que botádelle un oído a isto e a ver o que vos parece!

GALEGUIZA-T MÚSICA EN GALEGO PARA TODAS!

11.29.2019

TÍRALLE DA LINGUA


Este ano o Tíralle da lingua estivo máis concorrido ca nunca, tanto que, de celebrarse no teatro principal tivo que trasladarse ao palacio de congresos, onde se desdobrou en diferentes categorías.

Paula con Roberto antes de saír.
Xa en plena narración!
O XVIII Concurso de Relato Oral 'Tíralle da Lingua', organizado pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega trata de incentivar e normalizar o uso oral da lingua galega e organízase en tres categorías, que responden aos niveis académicos de primaria, primeiro ciclo de ESO e 4º de ESO e Bach.





Nós tamén acudimos ao certame para acompañar a nosa representante Paula, de 4ºESO que levaba ensaiando un tempo e que xa nos mostrara parte da súa destreza diante do público durante o magosto.
As rapazas de rapaces do equipo de dinamización foron ata Compostela para animala enriba do escenario.
Paula fíxoo moi ben e, aínda que a competencia era moi dura, mostrou que en Malpica haiche moi boas contadoras.
Ao final gañaron os representantes de Caldas, mais a xornada foi divertida e pagou moito a pena compartir con outras compañeiras esta experiencia. Grazas Paula pola valentía de poñerte diante de tanta xente a narrar!

11.27.2019

A CANCIÓN DO MES DE NOVEMBRO

As compañeiras e compañeiros do Equipo de Dinamización seleccionaron tres cancións para representar o mes de novembro. Mais neste concurso, só unha delas pode ser a vencedora. Escóitaas e déixanos o teu voto ao final!



Muiñeira vella de Seaia, interpretada por Leilía


Quérote máis, O Sonoro Maxín


Sés, Concordias de papel

Por cal vas votar?

A CANCIÓN DO MES

O POEMA DO MES

O alumnado do club de lectura de poesía seleccionou tres poemas para propoñelos como o poema do mes de novembro.
Animámoste a que entres na seguinte ligazón, os leas con calma e os valores. Ademais, estaríamos encantadas de que propuxésedes algún outro título para os próximos meses.
Por unha vida chea de poesía...

VOTA POLO POEMA DO MES