11.24.2022

Para o 25 de novembro recomendamos...

Xa veriades moitas campañas institucionais, algunhas delas afortunadas, outras bastante desafortunadas por poñer o foco na vítima e non en quen agrede, mais nós queremos sumar algo máis á concienciación social desta lacra que non ten fin.

Está claro que educar socialmente é algo que non se consegue do día para a noite, mais temos que sumar todos os esforzos por conseguir unha sociedade mellor en que poidan desenvolverse os nosos nenos e nenas, as nosas mozas e mozos, que teñen o dereito a viviren sen sentírense constrinxidos por roles estereotipados e, por suposto, sen recibir violencia. Educar nas relacións entre iguais, saudables e respectuosas non é fácil, pois o ambiente que os rodea non sempre é o máis propicio (o audiovisual, a música, as estéticas, a moda, a publicidade...) pero pensamos que paga moito a pena non desistir, non renderse.

Desta volta, á parte de sumármonos ás propostas lanzadas polo centro, que pretenden a visibilización deste problema, tamén ofrecemos unha alternativa en canto á música que están escoitando a diario. Neste caso, hai unha playlist que tamén recolle música con outras mensaxes que non reforzan estereotipos nin relacións violentas ou desiguais.

Podes escoitala AQUÍ se tes interese ou procurala no Spotify como 25 músicas galegas pró 25N

Ademais, o sábado 26 de novembro, o concello de Malpica programou dentro da súa XVIII Mostra de Teatro a peza Feminíssimas, de Ste Xeito Producións. Será no centro cívico ás 20.30 e a entrada é gratuíta. Animamos á asistencia e difundimos entre o noso alumnado esta actividade, que pode darnos para debater posteriormente, pois nela ofreceranse tres puntos de vista diferentes sobre o feminismo e sobre tantas e tantas cuestións que nos preocupan actualmente. 

Animamos a que as familias tamén acudan cos seus fillos e fillas e que dialoguen na casa, ao final, a implicación de todos e todas é fundamental. Saber o que pensan, como establecen as relacións cos e coas súas compañeiras...

Verémonos alí!

11.07.2022

Magosto!!!!

O magosto é unha época que a todos nos encanta e este ano houbo moita animación: castañas, pan de ovo, música en directo, música en diferido, festa rachada!!!

Traballou arreo a ANPA, a dirección, extraescolares, profesorado colaborador e acompañáronnos varias mozas da asociación cultural Raigañas, da que tamén son membros activos algúns dos nosos alumnos e das nosas alumnas.

Ademais, un grupo que sabía que ía haber fotos presentouse no centro vestido ben elegante, bailadores coma eles non os había hoxe na redonda.

Se queredes escoitar a playlist que preparamos desde o EDL, podedes picar AQUÍ

Deixámosvos algunhas fotiñas da festa:











O porco de pé...

O Concello de Malpica, no seu mes do teatro trouxo o espectáculo de O porco de pé, unha das maxistrais obras da literatura galega e que está no currículo de 4ºESO. Así que, inda que era nunha sesión nocturna, uns cantos compañeiros achegáronse para gozar do espectáculo, que nos deixou abraiados. Magníficas interpretacións, fantástico de comezo a final, todo nos gustou: escenografía, adaptación, interpretación, actores, actriz, música...






Polo Samaín... microrrelatos en 5 palabras

Porque ás veces os discursos contundentes son os máis efectivos, e os que máis medo dan, por iso podemos encerralos en cadaleitos e agardar a que non saian máis de aí.