Xa veriades moitas campañas institucionais, algunhas delas afortunadas, outras bastante desafortunadas por poñer o foco na vítima e non en quen agrede, mais nós queremos sumar algo máis á concienciación social desta lacra que non ten fin.
Está claro que educar socialmente é algo que non se consegue do día para a noite, mais temos que sumar todos os esforzos por conseguir unha sociedade mellor en que poidan desenvolverse os nosos nenos e nenas, as nosas mozas e mozos, que teñen o dereito a viviren sen sentírense constrinxidos por roles estereotipados e, por suposto, sen recibir violencia. Educar nas relacións entre iguais, saudables e respectuosas non é fácil, pois o ambiente que os rodea non sempre é o máis propicio (o audiovisual, a música, as estéticas, a moda, a publicidade...) pero pensamos que paga moito a pena non desistir, non renderse.
Desta volta, á parte de sumármonos ás propostas lanzadas polo centro, que pretenden a visibilización deste problema, tamén ofrecemos unha alternativa en canto á música que están escoitando a diario. Neste caso, hai unha playlist que tamén recolle música con outras mensaxes que non reforzan estereotipos nin relacións violentas ou desiguais.
Podes escoitala AQUÍ se tes interese ou procurala no Spotify como 25 músicas galegas pró 25N
Animamos a que as familias tamén acudan cos seus fillos e fillas e que dialoguen na casa, ao final, a implicación de todos e todas é fundamental. Saber o que pensan, como establecen as relacións cos e coas súas compañeiras...
Verémonos alí!
Ningún comentario:
Publicar un comentario