2.27.2026

23 de febreiro - Día de Rosalía

O día de Rosalía non podiamos deixalo pasar sen traballar a figura da nosa autora de referencia.

Rapaces e rapazas achegáronse á súa figura desde diferentes perspectivas e dun xeito máis lúdico, por unha banda, e máis reflexivo pola outra.

Os grupos de 1º de ESO revisaron a bibliografía para atopar os versos que máis os convencían para formar un alfabeto rosaliano que temos exposto no corredor. Quedoulles ben xeitoso e os versos moi acaídos.

Podedes ver o resultado se clicades aquí.

Os grupos de 2º de ESO foron a fondo coas flores, un dos símbolos máis rosalianos e que aparecen esparexidas por toda a súa obra. Máis tarde seguro que aprenderán tamén a saber da súa relevancia simbólica, pero o primeiro paso está dado.

Se queredes botarlle un ollo, podedes facelo clicando aquí.

Por último, o grupo de 3º, que xa é experto en Rosalía porque é unha das autoras máis traballadas nas aulas de lingua e literatura, puxeron a escritora en contexto e intentaron ofrecernos unha imaxe cunha perspectiva moito máis madura e crítica. Rosalía non foi chorona, non foi feble, non se dedicou a cantarlles ás flores e ás pombas, senón que lle deu voz á opresión, á inxustiza, á desigualdade social, á política contemporánea...

Se queredes ver os seus carteis, que están tamén expostos no corredor do centro, podedes clicar aquí.



2.20.2026

OBRADOIRO CON ORGULLO GALEGO

 O xestor da conta de Orgullo Galego estivo no noso centro para ofrecernos unha charla moi interesante sobre os creadores e as creadoras de contido que máis o están "petando". A verdade é que nos presentou unha boa mostraxe de contidos de calidade e ben riquiños e tamén nos animou a sermos nós mesmos creadores de contido. Porque a lingua ten moito futuro nas redes e iso precisa de moitas mans e de moito saber facer!

 








2.06.2026

ENTROIDO 2026

O Entroido sempre é unha data na que os EDLG participamos con entusiasmo e en Malpica non é menos porque vivimos mergulladas nos entroidos tradicionais recuperados e vivísimos. As Madamitas e os Ghuardineros son os entroidos da zona, pero tamén se queima o Faustino, o Farruco, hai comparsas... e a zona de Bergantiños está vivísima nas coplas de Entroido que tamén chegan ao noso alumnado.

No centro, sobre todo para os máis pequenos, continuamos os mandadiños do meco e tamén o concurso de disfraces xunto con outros máis substanciosos, coma os de receitas típicas do entroido, coplas...