1.25.2025

Club de lectura: Cobiza de María Reimóndez

 O xoves 19 de decembro tivemos outra sesión do club de lectura co alumnado de 4º de PDC. Nesta ocasión intercambiamos opinións sobre Cobiza, de María Reimóndez. É unha novela de ciencia ficción feminista que se desenvolve nun futuro distópico despois da Gran Desconexión. A historia sitúase nun mundo dividido entre os Recunchos, zonas empobrecidas, e as Capitais, a cúpula do poder e da opulencia, só accesibles a través da "lotería da fertilidade". A trama segue a Luz, que habita neste presente fragmentado e deberá enfrontarse ao impacto dunha sociedade na que os corpos, as identidades e as orientacións sexuais son clasificados e sometidos a estruturas de poder opresivas.

A novela presenta unha reflexión profunda sobre o sexo, o xénero, a construción das identidades e as dinámicas de poder que marcan as nosas vidas. A través da historia de tres seres de materia vexetal creados con forma humana, que son capturados e vendidos como escravas, Reimóndez presenta unha mirada feminista e ecoloxista sobre un futuro no que as diferenzas sexuais e de xénero se xogan nun escenario de explotación e destrución ambiental.

Con Cobiza, a autora obtivo o I Premio Pinto e Maragota á diversidade sexual e de xénero, un recoñecemento á súa capacidade para ofrecer unha reflexión revolucionaria e de alta calidade literaria sobre as cuestións máis relevantes do noso tempo.



1.20.2025

CELEBRACIÓN DO NADAL

Boas! Comezamos un novo ano deixándovos por aquí unha escolma de fotos das actividades que realizamos no noso IES polo Nadal. 

Prontiño vos informaremos de novos eventos e actividades. Ata a próxima! 










12.03.2024

Coloquio con Arantza Portabales

Na xornada de onte tivemos a oportunidade de conversar no noso instituto con Arantza Portabales. A autora falounos da súa traxectoria como escritora, do proceso creativo preciso para que saian á luz as súas obras e dunha infinidade de segredos e curiosidades sobre dúas das súas obras máis destacadas: Beleza Vermella e Deixe a súa mensaxe despois do sinal. 

Grazas, Arantza, por facernos partícipes dos segredos das túas novelas e da túa paixón pola escrita.  












 

11.11.2024

CELEBRACIÓN DO MAGOSTO

Nos pasados días, tivo lugar no noso IES a celebración do Magosto. Houbo degustación de castañas asadas, xogos populares e moita, moita festa! 

Velaquí unha escolma de fotos. Vémonos na seguinte! 





10.23.2024

MAGOSTO

 Queredes pasar un magosto no insti especial...? Temos moitas ideas, pero seguro que a vós se vos ocorren moitas máis.

Poñemos as castañas, a merenda e o ambiente, vós poñedes o resto!



10.16.2024

CONCURSO DE MICRORRELATO

Queres participar nun concurso de microrrelato de terror? Esta é a túa oportunidade de meterlle o medo no corpo a todo o instituto cunha historia breve, pero intensa.

Animámosvos a participar desde a biblioteca, onde poderedes entregar os vosos microrrelatos desde hoxe e ata o día 8 de novembro. Podedes entregalos tamén a través das vosas profes de lingua, pero lembrade ler ben as bases e seguir as instrucións porque haberá premios... terroríficos!



10.15.2024

BENVIDA AO NOVO CURSO

Ola! Arrincamos esta viaxe virtual que nos servirá para divulgar todo o labor que realizaremos dende o Equipo de Dinamización da Lingua Galega no IES Urbano Lugrís durante o curso 2024/25. 

Lembrade que a vosa participación neste proxecto é fundamental. Estamos agardando pola vosa colaboración e as vosas propostas ou suxestións.  

Un saúdo agarimoso e aquí vos agardamos, con moita ilusión!