1.25.2025

Club de lectura: Cobiza de María Reimóndez

 O xoves 19 de decembro tivemos outra sesión do club de lectura co alumnado de 4º de PDC. Nesta ocasión intercambiamos opinións sobre Cobiza, de María Reimóndez. É unha novela de ciencia ficción feminista que se desenvolve nun futuro distópico despois da Gran Desconexión. A historia sitúase nun mundo dividido entre os Recunchos, zonas empobrecidas, e as Capitais, a cúpula do poder e da opulencia, só accesibles a través da "lotería da fertilidade". A trama segue a Luz, que habita neste presente fragmentado e deberá enfrontarse ao impacto dunha sociedade na que os corpos, as identidades e as orientacións sexuais son clasificados e sometidos a estruturas de poder opresivas.

A novela presenta unha reflexión profunda sobre o sexo, o xénero, a construción das identidades e as dinámicas de poder que marcan as nosas vidas. A través da historia de tres seres de materia vexetal creados con forma humana, que son capturados e vendidos como escravas, Reimóndez presenta unha mirada feminista e ecoloxista sobre un futuro no que as diferenzas sexuais e de xénero se xogan nun escenario de explotación e destrución ambiental.

Con Cobiza, a autora obtivo o I Premio Pinto e Maragota á diversidade sexual e de xénero, un recoñecemento á súa capacidade para ofrecer unha reflexión revolucionaria e de alta calidade literaria sobre as cuestións máis relevantes do noso tempo.



Ningún comentario:

Publicar un comentario