2.10.2020

PALABRA, CITA E REFRÁN DO MES DE FEBREIRO

Febreiro comezou a tope, moitas cousiñas pasan neste mes de inverno e moito temos que festexar, e tamén é un bo mes para aumentar o noso vocabulario, a nosa sabedoría popular e para que introduzamos novas palabras e expresións no noso acervo lingüístico.
Aquí vos deixamos novos focos de interese para toda a comunidade educativa:



2.05.2020

ENQUISA LINGÜÍSTICA ALUMNADO IES URBANO LUGRÍS

No IES imos renovar a nosa documentación do Tratamento Integrado de Linguas e, ademais, revisar de novo o Plan Lingüístico que ten atingue ao centro.
Para comezar, realizaremos unha enquisa lingüística a todo o alumnado para partir da realidade que nos toca vivir actualmente.
A seguir temos a enquisa, que demora uns 5 minutos. Pedímosvos que a completedes coa máxima veracidade de que sexades capaces.

ENQUISA LINGÜÍSTICA PARA ALUMNADO

O AMOR ESTÁ NO AIRE... UN CARAVEL E UNHA DEDICATORIA!

O mes de febreiro é o mes do amor, temos tanto que festexar e bos desexos que espallar que non paramos...!!!

Os rapaces e rapazas de 4ºESO están na Cafetaría vendendo a posibilidade de enviar unha dedicatoria xunto cun caraveliño a calquera alumna, alumno, profe ou persoal non docente do centro.
Animámosvos a escribir as vosas liñas e a alegrarlle o día a un compañeiro ou compañeira a quen lle desexemos ben.
O venres a última hora serán entregados todos os caraveliños xunto coas notas na biblioteca.





Non perdades a oportunidade porque, ademais, colaborades a financiar a excursión do final do curso coa vosa contribución.

Agardan polas vosas mensaxiñas con entusiasmo!

2.02.2020

2 DE FEBREIRO, DÍA DA CANDELORIA: CONCURSO DE POEMAS E NARRACIÓNS

O Día da Candeloria ten orixe nos cultos pagáns da fertilidade e dos ciclos da natureza. Na antiga Roma celebrábase as Lupercais, a festa do lume e na honra da fertilidade. Nesta festa, realizábase unha procesión con candeas acendidas de noite. No 2 de febreiro, nas parroquias o crego bendice as candeas que a xente ten de manter acesas mentres dure a misa. Estas candeas lévanse, posteriormente, para a casa, pois atribúenselles poderes como calmar as treboadas ou alumear o camiño das almas que deixan este mundo.
 
Os distintos refraneiros populares recollen moitos ditos sobre a Candeloria e o seu día. Algúns dos máis coñecidos son os seguintes:


Cando a Candeloria chora, medio inverno vai fóra; que chore, que deixe de chorar, mitá do inverno está por pasar.
O día da Candelaria, si chora ou venta, inverno entra. E si non venta nin chora, inverno fóra.
Pola Candeloira casan os paxariños e maila galiñola.
Pola Candeloria pon a pita vella e a nova.
Que a Candelaria chore ou que deixe de chorar, a metade do inverno está pasado e a metade está por pasar.
Se a Candelaria empola, o inverno vai fóra.
Se a Candeloria vén mal o inverno está caroal.

Todos eles encerran moita sabedoría popular e, en Malpica, hoxe está ventando que fai ata remuíños en cada cornecho, así que parece que o inverno inda entra, non gardedes a roupa de abrigo!

Deixámosvos unha ligazón ao Portal das palabras, que nos fala desta tradición que imos celebrar no noso IES esta semana cun concurso de poemas e relatos de amor. Buscade a información nos taboleiros das aulas ou na biblioteca e, xa sabedes, deixade saír toda esa creatividade que vos inspire a Candeloria!

https://portaldaspalabras.gal/lexico/mira-que-din/candeloria/

1.29.2020

NÓS, POLA PAZ - DÍA DA NON-VIOLENCIA E A PAZ

No noso IES non podiamos deixar de conmemorar o Día da Paz, que quixemos converter nun vídeo dunha pequena mostra do noso traballo diario. A paz non é algo que só se poida conmemorar un día,  pois a convivencia, o traballo en grupo, a empatía para poñérmonos no lugar dos demais é un froito que vai madurando co tempo. Mais, con todo, non queriamos perder a oportunidade de abrir unha pequeniña xanela ao mundo desde o centro e, aproveitando as efemérides do Grupo Nós, quixemos sumarnos. Nós tamén creamos, proxectamos, deseñamos... 




1.28.2020

A palabra, o refrán e o dato do mes

Coma todos os meses, o EDNL ofrécevos unha palabra, un refrán ou dito e un dato que ten que ver co mes en curso e que nos serve para investigar, para introducilo na nosa vida, para recordalo na memoria colectiva. Este mes o que nos trae é o seguinte, dádelle ao maxín e tede conta do que se vai aprendendo. A lingua e a cultura é cousa de todas e de todos!


VOTA XA POLO POEMA DO MES DE XANEIRO

Ano novo, poemas novos. Aquí vos deixamos as propostas de poemas para estrear o ano.
Tenrura, de Manuel María

Alba, de Manuel Antonio

O neno e o xabarín, Xosé Lois García


Deixa aquí o teu voto, e que gañe o mellor!

VOTO POLO POEMA DE XANEIRO