2.02.2020

2 DE FEBREIRO, DÍA DA CANDELORIA: CONCURSO DE POEMAS E NARRACIÓNS

O Día da Candeloria ten orixe nos cultos pagáns da fertilidade e dos ciclos da natureza. Na antiga Roma celebrábase as Lupercais, a festa do lume e na honra da fertilidade. Nesta festa, realizábase unha procesión con candeas acendidas de noite. No 2 de febreiro, nas parroquias o crego bendice as candeas que a xente ten de manter acesas mentres dure a misa. Estas candeas lévanse, posteriormente, para a casa, pois atribúenselles poderes como calmar as treboadas ou alumear o camiño das almas que deixan este mundo.
 
Os distintos refraneiros populares recollen moitos ditos sobre a Candeloria e o seu día. Algúns dos máis coñecidos son os seguintes:


Cando a Candeloria chora, medio inverno vai fóra; que chore, que deixe de chorar, mitá do inverno está por pasar.
O día da Candelaria, si chora ou venta, inverno entra. E si non venta nin chora, inverno fóra.
Pola Candeloira casan os paxariños e maila galiñola.
Pola Candeloria pon a pita vella e a nova.
Que a Candelaria chore ou que deixe de chorar, a metade do inverno está pasado e a metade está por pasar.
Se a Candelaria empola, o inverno vai fóra.
Se a Candeloria vén mal o inverno está caroal.

Todos eles encerran moita sabedoría popular e, en Malpica, hoxe está ventando que fai ata remuíños en cada cornecho, así que parece que o inverno inda entra, non gardedes a roupa de abrigo!

Deixámosvos unha ligazón ao Portal das palabras, que nos fala desta tradición que imos celebrar no noso IES esta semana cun concurso de poemas e relatos de amor. Buscade a información nos taboleiros das aulas ou na biblioteca e, xa sabedes, deixade saír toda esa creatividade que vos inspire a Candeloria!

https://portaldaspalabras.gal/lexico/mira-que-din/candeloria/

Ningún comentario:

Publicar un comentario