12.17.2025

O deporte tamén fala galego

 Este curso están fervendo moitas actividades deportivas no noso centro, algunhas xa tradicionais, coma as convocatorias de Xogade, outras máis innovadoras, coma as ligas de fútbol femininas que xuntan os centros da nosa zona (Cabana, Ponteceso, Malpica, Laxe...) e as máis locais, que se desenvolven no noso pavillón e que disputan puntiños para un Fantasy con diferentes probas, equipos e partidos, nos que tanto profes coma alumnos e alumnas o dan todo.

A actividade está promovida polo departamento de Educación Física e xestionada polo alumnado de 4ºESO, que fai a cartelería, a xestión dos participantes, o reconto da puntuación...

...e o EDLG está atento e colabora en que o deporte e a lingua tamén vaian da man, porque forma parte do noso día a día e a normalización, á fin e ao cabo, é iso.

Se queredes saber máis do conto, estade atentos e atentas ao IG do centro!




11.20.2025

Participación concurso Senda Frame cunha curta

Un bo grupo de alumnos e alumnas de 3º de ESO animáronse a grabar e a editar unha curta para participar no Proxecto Senda Litoral.

Desprazáronse ata diferentes localizacións do Concello para poñer en imaxes a idea que xa transformaran en guión e storyboard. Despois dun longo proceso de edición puideron finalmente axustarse ás condicións que se pedían para participar no concurso.

A curta, titulada O barqueiro do Camiño dos Faros foi non só finalista, senón que acadou un meritorio segundo posto, noticia que recibimos en Compostela nunha gala que se celebrou no Gaiás e á que asistimos xunto con outros compañeiros e compañeiras da Costa da Morte.

Agora esta curta tamén viaxará ata Cans, onde participará dentro da sección de novos talentos. Oxalá alí teña tamén moita sorte.


Carrexando o atrezzo


Vixiando os actores e actrices




Grabando o barqueiro

Nun cambio de escena


10.22.2025

Obradoiro de regueifa con Lupe Gómez

 Lupe Gómez veu regueifar con nós e, á parte de ser un obradoiro ben divertido, tamén descubrimos (aínda que xa o sabiamos) que temos moito talento por aquí. Os nosos rapaces e rapazas teñen sangue bertantiñán e iso é unha garantía 😂

Traballando nos versos

Improvisar é xenial


10.06.2025

LIGA DE REGUEIFA

O luns día 20 teremos un obradoiro de regueifa con Lupe Gómez, financiado polo Concello de Malpica e de aí confiamos en sacar bos regueifeiros e boas regueifeiras para participar este curso, xunto con outros institutos da Costa da Morte na Liga de Regueifa.

Como o vedes, pensades que estades listos e listas para esas pelexas de galos elevadas ao máximo nivel?



CONCURSO RELATO DE MEDO POLO SAMAÍN

 

9.19.2025

NOVO CURSO, NOVAS FRONTES QUE SE ABREN

 O Equipo de Dinamización da Lingua xa está en marcha e ten pensadas unhas cantas actividades para dinamizar a vida no centro, por suposto, en galego.

Que vos parece formar parte dese equipo que consegue que a vida diaria funcione na nosa lingua? Como vedes colaborar a facer campañas que afecten tamén a nosa contorna? Queredes axudar a que alumnos e alumnas que non teñen oportunidade de facer a súa vida diaria en galego conten con esa oportunidade?

Pois fala con Luz, que está organizando a xente e as reunións para poder trazar as estratexias mellores!



3.07.2025

8 MARZO : DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

Para este día, Soraya Varela coa colaboración de polos creativos e da biblioteca fixo estas preciosa bonequiñas, en madeira. No cabalo destas, o alumnado insertou unha frase escollida para ocasión, ademais de confeccionarlle o vestido, mono ou pantalón con camiseta. Están colgadas na biblioteca
para poder lucilas como se merecen.

Ademais, desde oratoria  e PC (PROXECTO COMPETENCIAL) pediuselle ao alumnado de facer unha biografía sobre unha redeira da comarca. Esta actividade é a continuación da realizada para o 25N, onde xa se expusera a exposición que recolle o traballo sobre as redeiras, que consistía e consiste en dar visibilidade ao traballo efectuado polas mulleres da pesca.






Engadimos tamén un video: 

E finalmente, tamén, se expuso esta tira de banda diseñada sobre o tema.








3.03.2025

ENTROIDO 2025

No IES Urbano Lugrís, celebramos o Entroido. Deixámosvos aquí unhas fotos das actuacións de varias comparsas e parellas que participaron no desfile. 

Medre o Entroidoooooo! 



2.03.2025

Celebración do Día Escolar da Non Violencia e a Paz

 

Como cada 30 de xaneiro, tivo lugar no noso centro a conmemoración do Día Escolar da Non Violencia e a Paz. 


No recreo, procedeuse á lectura dun manifesto redactado na materia de Oratoria polo alumnado de 3º ESO e cantouse a canción Color esperanza. Ademais, na entrada realizouse unha exposición coas pombas de papel que se realizaron nas titorías. 


Parabéns a toda comunidade educativa polo traballo realizado!











1.25.2025

Club de lectura: Cobiza de María Reimóndez

 O xoves 19 de decembro tivemos outra sesión do club de lectura co alumnado de 4º de PDC. Nesta ocasión intercambiamos opinións sobre Cobiza, de María Reimóndez. É unha novela de ciencia ficción feminista que se desenvolve nun futuro distópico despois da Gran Desconexión. A historia sitúase nun mundo dividido entre os Recunchos, zonas empobrecidas, e as Capitais, a cúpula do poder e da opulencia, só accesibles a través da "lotería da fertilidade". A trama segue a Luz, que habita neste presente fragmentado e deberá enfrontarse ao impacto dunha sociedade na que os corpos, as identidades e as orientacións sexuais son clasificados e sometidos a estruturas de poder opresivas.

A novela presenta unha reflexión profunda sobre o sexo, o xénero, a construción das identidades e as dinámicas de poder que marcan as nosas vidas. A través da historia de tres seres de materia vexetal creados con forma humana, que son capturados e vendidos como escravas, Reimóndez presenta unha mirada feminista e ecoloxista sobre un futuro no que as diferenzas sexuais e de xénero se xogan nun escenario de explotación e destrución ambiental.

Con Cobiza, a autora obtivo o I Premio Pinto e Maragota á diversidade sexual e de xénero, un recoñecemento á súa capacidade para ofrecer unha reflexión revolucionaria e de alta calidade literaria sobre as cuestións máis relevantes do noso tempo.



1.20.2025

CELEBRACIÓN DO NADAL

Boas! Comezamos un novo ano deixándovos por aquí unha escolma de fotos das actividades que realizamos no noso IES polo Nadal. 

Prontiño vos informaremos de novos eventos e actividades. Ata a próxima!