Esta edición do festival de Entroido tivo moito nivel e practicamente todo o alumnado e profesorado se animou a participar.
As comparsas foron fantásticas, os grupos xeniais, as parellas estaban moi traballadas e compenetradas e mesmo había algún individual ben xeitoso, inda que moitos outros non se animaron a participar no concurso.
De novo a ANPA colaborou a todos os niveis e iso é moito de agradecer. Extraescolares e profesorado contribuíu á boa marcha da mañá, que xa sabemos que non sempre é doado poder saír da rutina.
Foi difícil quedar són con algúns para o premio, pero haberá máis ocasións para aqueles que non levaron o ansiado premio. Parabéns a todos e todas!
E antes de culminar na festa final, todos e todas teremos que ir facendo os mandadiños do Meco. Hoxe o alumnado saíu da cama e rodou ata o centro cos seus pixamiñas e roupa da casa, para mañá veremos a resposta, pero parece que o Meco mete respecto e todos e todas fan caso dos seus mandados.
Vistes que bonita nos quedou a entrada ao centro? Traballaron rapaces e rapazas de todos os grupos para achegar o Entroido tradicional á nosa localidade. E as máscaras? Impresionantes! O EDLG traballou de xeito transversal para facer algo ben xeitoso e que fose un pouquiño de todos e todas. Parabéns.
Desde o EDLG promovemos afondar nos Entroidos tradicionais de Galicia e do Norte de Portugal, xa que temos tantos lazos en comúns e aproveitando que o noso alumnado coñece ben a fondo como se festexa o Antroido tradicional pola nosa zona.
Cremos que coñecer a nosa cultura festeira é un xeito máis de querer e preservar para o futuro as nosas tradicións.
O alumnado de 3º e 4º encargouse de facer estas infografías tan xeitosas que formarán parte da exposición da entrada do centro. Xa vos iremos poñendo o resultado. Aquí traballou todo o mundo arreo!
O Meco é un perrenchudo e anóxase cando non se fai o que el di, e como non queremos que se anoxe con nós imos colaborar co que nos pida durante a semana do Antroido.
Pola zona de Malpica non só temos Entroidos tradicionais ben vivos, coma os Madamitos e os Ghuardineros, senón que tamén se enterra o Faustino e mais o Farruco. Hai foliada para bailar, cantar, comer e pasalo ben!
No noso centro estamos traballando coa rapazada unha exposición dos Entroidos tradicionais, que son os que máis nos gustan e os que debemos preservar, pero tamén habemos deixar espazo para os nosos e as nosas choqueiras, que se disfrazarán como mellor tracen e viremos como o Meco mande ao longo da semana.
Para realizar a enquisa só terás que premer AQUÍ e cubrila ata o final. Ao rematar, dámoslle a ENVIAR. Moitas grazas pola vosa participación e pola vosa honestidade e sinceridade nas respostas, é un documento moi útil para poder abordar a situación lingüística do IES e planificar estratexias de mellora.
Porque Guadi Galego sempre ten cancións que nos poñen o corazón quentiño. Esta fin de semana vén moi fría, así que precisamos rodearnos de caloriña.
As persoas que vaiades ver a neve, gozade moito dela, das paisaxes tanto naturais coma das cidades, que pintan todo de branco coma nunha postal. Podedes animarvos a levar música en galego no traxecto, xa sabedes que agora é moito máis fácil co acceso a música dixital en plataformas.
As que non poidades ir ver a neve, quedade ao abriguiño, coa familia, cos amigos, cun bo libro, series e boa música... un plan xeitoso tamén!
Esperamos que vos guste esta canción de Guadi con Iván Ferreiro e a ver se alguén se anima a facer unha así de chula sobre Malpica.
Seguro que no Nadal tedes moitas persoas queridas ás que agasallar e ás veces fáltannos recursos e ideas. E para iso estamos nós, para recomendarvos lecturas, xogos, xoguetes, artesanía (á parte da local, que esa recomendámola SEMPRE, por activa e por pasiva) e mesmo cestas de produtos, que sempre se agradecen neste tempo, cursos que se poden facer desde a casa ou pequenas viaxiñas para coñecer Galicia aloxándose en sitios TOP.
Para outra volta, faremos recomendacións de roteiros e lugares que nos reciben e nos tratan en galego, que tamén é interesante.
Desexámosvos un feliz Nadal, un feliz descanso e que o 2023 nos traia tempo para a familia, saúde e momentos de tranquilidade.