6.26.2026

O GALEGO, LINGUA VEHICULAR DO IES URBANO LUGRÍS

O EDLG, xunto con outros departamentos cos que se coordina e co apoio do claustro, intenta empregar sempre en todas as comunicacións no centro e coa comunidade a lingua galega.

Por iso os clubs, a liga Fantasy que organiza o departemento de EF co alumnado de 4º ESO, a biblioteca, a radio escolar, as redes sociais do centro, o persoal da administración, titores e titoras... coidan non só a estética e os contidos, senón tamén a lingua.

Iso é un motivo de orgullo para as persoas que traballamos a prol da normalización da lingua, xa que moitas persoas pequenas, levando a cabo accións pequenas, promoven un gran cambio.

Deixamos por aquí algunha fotiña, pero a maioría das aulas e dos corredores xa estaban limpos e recollidos, polo que non demos documentado como nos gustaría. Podedes, se queredes, seguirnos no Instagram, porque alí é onde "se coce" todo :D

INSTAGRAM DO NOSO IES

Queremos despedir este blog desde curso con este feito evidente: o galego no noso centro está moi vivo e pensamos que, remando xuntas, conseguiremos mil primaveras máis! 







 

6.19.2026

PROXECTO NEO COÑECE PALEO

 Coma cada curso, o alumnado galegofalante acompañou na súa inmersión lingüística alumnado que provén doutros países e comunidades.

Rapaces e rapazas malpicáns contribuíron a mellorar a competencia lingüística de compañeiros e compañeiras, neste curso, provenientes de Brasil, de Londres, de Perú e de Colombia. Algúns e algunhas xa case voan sós e soas e outros xa deron os seus primeiros pasos en galego coa colaboración dos seus iguais.

Moitas grazas a nenos e nenas que axudaron a facer máis fácil a inmersión lingüística porque ese é o camiño. Agora, a gozar do verán e a continuar falando en galego na estación favorita de todos e todas: o verán.

A vosa contribución é inestimable para garantir un proceso de escolarización moito máis amable e positivo. Parabéns, sodes exemplo de boas prácticas!



6.12.2026

CAMPAÑA "RUMORES CERO"

 Ao longo do curso, alumnado do equipo de dinamización xunto con alumnado de 3º ESO traballou na campaña "Rumores Cero", que trata de promover o bo trato, tanto no centro coma nas redes sociais e que intenta concienciar do dano que causan os rumores e do impacto que ten na súa socialización.

Como resultado, logo dun traballo ben intenso, saíron propostas para crear materiais que se distribuiron e que se distribuirán no próximo curso: adhesivos, carteis, camisetas, bolsas... grazas ao taller de polos creativos poderemos darlle continuidade a este proxectiño que naceu con ánimo de consolidarse e que ten xa a súa propia conta de Instagram, onde se colgan vídeos, memes e conselliños para loitar contra os rumores.











5.23.2026

Resultados da fase previa do certame Falemos + Galego

Deixámosvos o cartaz para anunciar aos gañadores da fase previa do certame Falemos + Galego, fallado a nivel de centro esta semana. Parabéns polo traballo e grazas tamén a quen participou. Os traballos seleccionados xa están de camiño para competiren o vindeiro 18 de xuño con catorce IES da Costa da Morte. Moita sorte!




5.22.2026

FOMOS A CANS E TRIUNFAMOS

Fomos a Cans coa nosa curta, O barqueiro do camiño dos faros, e triunfamos. Logramos o premio á curta de xente nova e entregáronnos estes canciños tan chulos, á parte de pasar o día na aldea de Cans.

Longa vida ao audiovisual en galego e parabéns ao grupo de rapaces e rapazas que participaron no guión, no storytelling, no proceso de ensaio, gravación e montaxe... sodes uns cracs!








5.19.2026

DÍA DAS LETRAS GALEGAS - TEATRO

Hoxe asistimos ao teatro, convidados polo Concello de Malpica, para achegármonos á figura homenaxeada polas letras galegas.

A representación chegou ao fondo das novelas de Begoña Caamaño e a todo ese mundo mitolóxico e reivindicativo que nos legou.

Moitas grazas ao concello por promover teatro en galego e por convidarnos.



5.15.2026

Obradoiro de creatividade con Lucía Aldao

 Lucía Aldao, a través da biblioteca e dos clubs de lectura, xunto coa colaboración de Dinamización, veu dar un obradoiro de creación artística de tarxetas postais. E saíron cousas ben xeitosiñas!!! Volve cando queiras, Lucía, porque nos encantou!

Tedes galería de fotografías da actividade e mais das creacións no Instagram do noso centro: 

https://www.instagram.com/urbanolugrismalpica/




4.27.2026

MES DAS LETRAS, MES DO TROCALIBROS

O trocalibros xa é tradición neste centro. Unha forma fácil e simple de trocar os libros xa lidos, as lecturas obrigatorias ou as que xa nos "quedaron pequenas" e facerse con outros máis acaídos, que nos recomendan ou que imos ter que ler nas diferentes materias.



4.24.2026

O BEST-SELLER DA TÚA VIDA

 O 23 de abril, xunto coa biblio e o club de lectura, preparamos o material para traballar sobre os best-seller que mercariamos e que seriamos quen de ler.

Que vos parece a idea?








4.17.2026

INTERPLAY FEST (CIP) CARBALLO

 Case todos os anos intentamos asistir ao InterplayFest de Carballo, o festival de creación transmedia punteiro a nivel estatal e que temos a 18 km da casa. Ademais, adoita ofrecer a oportunidade de asistir a sesións escolares en xornada de mañá para que o alumnado de todos os centros da zona poida relacionarse.

https://carballointerplay.com/

Este ano fomos os membros do EDLG de 3º e 4º ESO e pasámolo moi ben, tanto nas sesións ás que asistimos, sobre todo con Prado Rúa e Konachadas, coma tendo a oportunidade de intercambiar experiencias con outros centros.

 





3.27.2026

FALEMOS + GALEGO

 Combinamos aquilo de que unha imaxe vale máis que mil palabras e deixámosvos as bases para o concurso FALEMOS + GALEGO. Animádevos a participar e recordade que, fóra da fase inicial no noso centro, poderedes chegar a competir con outras propostas de centros da Costa da Morte e asistir á gala final de premios!




3.25.2026

CONCURSO OXFORD-CHALLENGE

Cada ano, desde o EDLG animamos a participar o alumnado en diferentes concursos que propoñen empresas privadas ou organizacións pero que consideramos de interese para introducir a lingua galega. Algúns anos participamos nas propostas de Feiraco, de Deleite, da Coca-cola, da Voz... ou da RAG, porque sempre é un aliciente para rapaces e rapazas poder recibir un recoñecemento externo e non só do seu profesorado.

Este ano animámonos a participar no OxfordChallenge, que propoñía o deseño dun mural que tivese que ver co que son os entornos seguros dentro do ámbito do ensino. Isto aproveitámolo na materia de Valores Éticos, posto que tiña moitísimo que ver co currículo. A verdade é que o premio, á parte de recoñecer persoalmente ao gañador ou gañadora, á súa clase e ao IES, tamén ofrecía materializar esa idea como mural no propio centro. Por primeira vez, podíase concursar en galego, polo que non perdemos a oportunidade. Non podemos divulgar as nosas participacións porque aínda non foi resolto o concurso, pero saíron cousas ben xeitosas. 








 

 

2.27.2026

23 de febreiro - Día de Rosalía

O día de Rosalía non podiamos deixalo pasar sen traballar a figura da nosa autora de referencia.

Rapaces e rapazas achegáronse á súa figura desde diferentes perspectivas e dun xeito máis lúdico, por unha banda, e máis reflexivo pola outra.

Os grupos de 1º de ESO revisaron a bibliografía para atopar os versos que máis os convencían para formar un alfabeto rosaliano que temos exposto no corredor. Quedoulles ben xeitoso e os versos moi acaídos.

Podedes ver o resultado se clicades aquí.

Os grupos de 2º de ESO foron a fondo coas flores, un dos símbolos máis rosalianos e que aparecen esparexidas por toda a súa obra. Máis tarde seguro que aprenderán tamén a saber da súa relevancia simbólica, pero o primeiro paso está dado.

Se queredes botarlle un ollo, podedes facelo clicando aquí.

Por último, o grupo de 3º, que xa é experto en Rosalía porque é unha das autoras máis traballadas nas aulas de lingua e literatura, puxeron a escritora en contexto e intentaron ofrecernos unha imaxe cunha perspectiva moito máis madura e crítica. Rosalía non foi chorona, non foi feble, non se dedicou a cantarlles ás flores e ás pombas, senón que lle deu voz á opresión, á inxustiza, á desigualdade social, á política contemporánea...

Se queredes ver os seus carteis, que están tamén expostos no corredor do centro, podedes clicar aquí.



2.20.2026

OBRADOIRO CON ORGULLO GALEGO

 O xestor da conta de Orgullo Galego estivo no noso centro para ofrecernos unha charla moi interesante sobre os creadores e as creadoras de contido que máis o están "petando". A verdade é que nos presentou unha boa mostraxe de contidos de calidade e ben riquiños e tamén nos animou a sermos nós mesmos creadores de contido. Porque a lingua ten moito futuro nas redes e iso precisa de moitas mans e de moito saber facer!

 








2.06.2026

ENTROIDO 2026

O Entroido sempre é unha data na que os EDLG participamos con entusiasmo e en Malpica non é menos porque vivimos mergulladas nos entroidos tradicionais recuperados e vivísimos. As Madamitas e os Ghuardineros son os entroidos da zona, pero tamén se queima o Faustino, o Farruco, hai comparsas... e a zona de Bergantiños está vivísima nas coplas de Entroido que tamén chegan ao noso alumnado.

No centro, sobre todo para os máis pequenos, continuamos os mandadiños do meco e tamén o concurso de disfraces xunto con outros máis substanciosos, coma os de receitas típicas do entroido, coplas...



 

1.16.2026

Obradoiro de ex-libris con Isa Bermúdez

A biblio xunto co Club de Lectura e o EDLG promoven actividades e pequenos obradoiros para que o alumnado poida gozar da creatividade e do bo facer de artistas, artesáns e, en xeral, persoas que están preto de nós e que se distinguen polo que achegan á comunidade. A todos os niveis. Comercios que empregan o galego e que están apegados á terra dalgún xeito (comercio local, respectuoso, que etiqueta en galego, que promove bos valores), asociacións deportivas que moven á cohesión social e ás boas prácticas (coma a escola de surf que temos na vila), artistas que levan o galego e a cultura local alá onde van...
Por iso convidamos a Isa Bermúdez, unha artista carballesa, vinculada a Malpica a través dalgúns dos murais que fixo coa rapazada a que viñera facer con nós un obradoiro de ex-libris.
Isa imparte as súas formacións non só en galego, senón que tamén intenta canalizar a creatividade de nenos e nenas dándolles pequenas pinceladas de historia, de cultura, que fan amenas as súas explicacións e que consegue chegar, nunha soa sesión, a un produto co que marchan todos e todas satisfeitas e contentas.
Moitas grazas a Isa polo seu traballo, foi un obradoiro moi numeroso e moi aproveitable!
 






 

Un dos exlibris que saíron

Isa explicando como comezar