1.16.2026

Obradoiro de ex-libris

A biblio xunto co Club de Lectura e o EDLG promoven actividades e pequenos obradoiros para que o alumnado poida gozar da creatividade e do bo facer de artistas, artesáns e, en xeral, persoas que están preto de nós e que se distinguen polo que achegan á comunidade. A todos os niveis. Comercios que empregan o galego e que están apegados á terra dalgún xeito (comercio local, respectuoso, que etiqueta en galego, que promove bos valores), asociacións deportivas que moven á cohesión social e ás boas prácticas (coma a escola de surf que temos na vila), artistas que levan o galego e a cultura local alá onde van...
Por iso convidamos a Isa Bermúdez, unha artista carballesa, vinculada a Malpica a través dalgúns dos murais que fixo coa rapazada a que viñera facer con nós un obradoiro de ex-libris.
Isa imparte as súas formacións non só en galego, senón que tamén intenta canalizar a creatividade de nenos e nenas dándolles pequenas pinceladas de historia, de cultura, que fan amenas as súas explicacións e que consegue chegar, nunha soa sesión, a un produto co que marchan todos e todas satisfeitas e contentas.
Moitas grazas a Isa polo seu traballo, foi un obradoiro moi numeroso e moi aproveitable!

Un dos exlibris que saíron

Isa explicando como comezar


Os bos desexos, as portas de Nadal...

 No Nadal houbo bastante actividade na biblio, nas titorías e no EDLG.

Por unha banda, continuamos coa actividade dos bos desexos, cunha caixa que recolleu as tarxetas, postais, notiñas e todo aquilo que o alumnado foi escribindo para entregar e recibir canda os boletíns de cualificacións do primeiro trimestre. Porque as noticias, boas ou malas, sempre deben ir canda os bos desexos que proxectan as nosas amizades, compañeiros e compañeiras, profes... a xente estímanos independentemente das notas que levemos e iso non podemos deixar de sabelo.

Por outra banda, desde as titorías traballaron arreo e houbo unhas propostas plásticas de decoración no centro que subiron o nivel con respecto a outros anos pero moitísimo.

Gañou o grupo de 2º, que traballou unido, e seguíronos os de 1º, que tamén deixaron a imaxinación e o esforzo na súa porta. Moi merecido ese premio que consiste nunha cesta de merendas que poderán gozar na hora que eles escollan para festexar este éxito.

Deixámosvos algunhas fotos do "como se fixo" e se queredes ver como quedaron finalmente, tedes toda a galería no noso Instagram.

A corte dos renos!

Quedou sen agasallos!

O grinch roubón

Redecoráronnos o insti!

Reciclar era unha premisa!

Se vedes como quedou, alucinades!