1.25.2025

Club de lectura: Cobiza de María Reimóndez

 O xoves 19 de decembro tivemos outra sesión do club de lectura co alumnado de 4º de PDC. Nesta ocasión intercambiamos opinións sobre Cobiza, de María Reimóndez. É unha novela de ciencia ficción feminista que se desenvolve nun futuro distópico despois da Gran Desconexión. A historia sitúase nun mundo dividido entre os Recunchos, zonas empobrecidas, e as Capitais, a cúpula do poder e da opulencia, só accesibles a través da "lotería da fertilidade". A trama segue a Luz, que habita neste presente fragmentado e deberá enfrontarse ao impacto dunha sociedade na que os corpos, as identidades e as orientacións sexuais son clasificados e sometidos a estruturas de poder opresivas.

A novela presenta unha reflexión profunda sobre o sexo, o xénero, a construción das identidades e as dinámicas de poder que marcan as nosas vidas. A través da historia de tres seres de materia vexetal creados con forma humana, que son capturados e vendidos como escravas, Reimóndez presenta unha mirada feminista e ecoloxista sobre un futuro no que as diferenzas sexuais e de xénero se xogan nun escenario de explotación e destrución ambiental.

Con Cobiza, a autora obtivo o I Premio Pinto e Maragota á diversidade sexual e de xénero, un recoñecemento á súa capacidade para ofrecer unha reflexión revolucionaria e de alta calidade literaria sobre as cuestións máis relevantes do noso tempo.



1.20.2025

CELEBRACIÓN DO NADAL

Boas! Comezamos un novo ano deixándovos por aquí unha escolma de fotos das actividades que realizamos no noso IES polo Nadal. 

Prontiño vos informaremos de novos eventos e actividades. Ata a próxima!